ikea - Share on Ovi

O desembarco de Ikea na Galiza, co centro da Coruña e outro disque previsto para Vigo nuns anos, non é tan boa nova como os alcaldes, faltos de ideas alternativas, nos fan crer. A non ser que a inxente utilización de cartos públicos para acomodar a súa implantación -infraestruturas e outras facilidades- coa escusa da creación de emprego -uns 400 e non todos a tempo completo-, as súas dubidosas prácticas e o efecto negativo sobre unha chea de pequenas empresas e comercios do sector sexan motivo de ledicia. Non aprendemos.

"En Ikea esforzámonos en manter os nosos prezos o máis baixos posíbel para que sexan accesíbeis á maioría das persoas. Aínda que non a calquera prezo. O proceso de deseño en Ikea ten como obxectivo crear un impacto mínimo no ambiente e que na súa produción os provedores garantan as mellores condicións laborais". O texto encabeza a web da transnacional do prêt-à-habiter en España, unha das empresas máis exitosas do mundo.

O abraiante medrar da súa facturación -superou os os 21.500 millóns de euros en 2009 fronte aos 3.300 millóns de 1994-, o seu volume de clientes, que anda por riba dos 400 millóns, a súa presenza en 37 países con máis de 200 tendas e a fortuna persoal do seu dono, Ingvar Kamprad -21.000 millóns de dólares-, son datos que fan moi difícil pensar na limpeza empresarial do xigante do norte. Máis aínda se atendemos a que Ikea representa coma ninguén ese modelo de acumulación capitalista baseado na uniformización cultural, orientada a vender cada día máis. Consumide malditos!

Hai catro anos, Olivier Bailly, Jean-Marc Caudron e Denis Lambert, xornalistas e activistas, publicaron Ikea: un modèle à démonter (Broché), libro no que denuncian as prácticas salvaxes da empresa sueca nos eidos laboral, ambiental e social. Por aí circulan as reportaxes da televisora sueca SVT, con cativos traballando para subcontratistas de Ikea na India, Vietnam e Paquistán, e mesmo Oxfam en Bélxica fixo unha campaña en 2007 -Desmontando Ikea- na que documentaba como en Asia a empresa pagaba dous euros diarios por quendas de 90 horas semanais. Asemade, os autores do libro afirman que os empregados dunhas 1.300 subcontratistas de Ikea teñen prohibido o dereito á sindicación.

No eido ambiental Ikea non se libra de graves acusacións por verde que se disfrace. Varios produtos cargados de substancias tóxicas, a procedencia sospeitosa da madeira coa que traballa, a tan capitalista e irresponsábel obsolescencia planificada dos seus produtos ou as xigantescas emisións de CO2 asociadas ao seu desenvolvemento son só algunhas das eivas. A última, segundo a ONG Salva a Selva, Ikea emprega 32.000 toneladas de aceite de palma ao ano só para fabricar velas, a meirande parte procedente de Malaisia e Indonesia, países nos que -como acontece en América Latina e África- a expansión dos monocultivos industriais de palma é unha das meirandes causas de deforestación dos bosques tropicais, de desprazamento forzado de poboacións indíxenas e de violación dos dereitos humanos.

O desembarco de Ikea na Galiza, co centro da Coruña e outro disque previsto para Vigo nuns anos, non é tan boa nova como os alcaldes, faltos de ideas alternativas, nos fan crer. A non ser que a inxente utilización de cartos públicos para acomodar a súa implantación -infraestruturas e outras facilidades- coa escusa da creación de emprego -uns 400 e non todos a tempo completo-, as súas dubidosas prácticas e o efecto negativo sobre unha chea de pequenas empresas e comercios do sector sexan motivo de ledicia. Non aprendemos.

Artigo de Manoel Santos no Galicia Hoxe

 

 


zocarede