O xoves 29 de marzo non abriremos a cooperativa en apoio á folga xeral.
Desde Zocamiñoca consideramos que o recente Real Decreto 3/2012
introduce unha serie de modificacións no Estatuto dos Traballadores que
lesionan gravemente os dereitos das persoas traballadoras e
desempregadas; trátase dunha reforma laboral (en puridade dunha reforma
reaccionaria da patronal) que como expresou o ministro de Economía, Luis
de Guindos, é extraordinariamente agresiva.
Deste xeito
consideramos necesaria unha grande contestación social que amose o
rexeitamento das medidas tomadas, xa que pensamos que non van servir
para crear emprego nin para mellorar as condicións laborais, económicas e
sociais; porén, entendemos que servirán para destruír máis postos de
traballo, precarizar aínda máis as relacións laborais e prexudicar
doblemente ás mulleres (neste caso por traballadoras e por mulleres,
limitando, entre outros, o dereito de lactancia), afondando nunha
crecente desprotección social que se vén dando nos últimos anos.
A modo de enumeración nada exhaustiva, esta reforma supón, sempre en
termos a favor da patronal: a modificación substancial da negociación
colectiva e da aplicación dos convenios colectivos; o abaratamento do
despido; a posibilidade de despedimento por faltar ao traballo por unha
enfermidade común; a facilidade de mobilidade funcional e xeográfica; a
falta de tutelaxe da Administración en relación á presentación dun ERE; a
posibilidade de baixar salarios se a empresa prevé que vai deixar de
gañar ou gaña menos durante tres trimestres consecutivos; a prevalencia
dos convenios de empresa por riba dos sectoriais, etc., etc. De feito,
moitas das medidas xa se están aplicando e non precisamente para crear
emprego.
Alén disto, tamén cremos que nun contexto de múltiples
crises sistémicas (económica, enerxética, ambiental e democrática) as
medidas que están tomando os gobernos ultraliberais en mans dos
mercados, a banca e o gran capital financeiro o que fan é contribuír a
agravar a situación afondando nun modelo de fractura e polarización
sociais e de forte debilitamento duns sistemas de protección social xa
de por si febles.
A reforma laboral constitúe un paso máis na
estratexia de desposesión de dereitos e explotación das persoas como
mera forza de traballo ao servizo do capital, dentro dun modelo
económico produtivista, depredador de recursos e inxusto socialmente. De
aí que consideremos imprescindíbel articular unha resposta social
europea e global contra o goberno dos mercados, a dualización social, a
pobreza e as desigualdades.
Desde Zocamiñoca promovemos outro
modelo de produción, distribución e consumo ao servizo das persoas, onde
o lucro non sexa o máis importante, un modelo que inevitabelmente ten
que basearse no reparto da riqueza actualmente existente, a xustiza
social, a soberanía alimentaria e o equilibrio ecolóxico. Animamos a
todas as persoas a participar activamente na defensa destes valores.
Saúdos afectuosos!!,
Coordinadora da Cooperativa de Consumo Responsable Zocamiñoca