Reportaxe da TVG do primeiro Curso de Deseño de Permacultura en Galiza. Tanquian, Ferreira de Panton - Lugo.
 
É interesante plantexarse e descreber que é e como ten avanzado  a permacultura nestes tempos de crise económica, enerxética e climática, porque lonxe de ser un tipo de agricultura (como a miúdo se clasifica), a permacultura é algo dinámico e en constante cambio que agora abarca todas as facetas do coñecemento humano, enfocado a crear sociedades humanas sostibeis, a proba de crise...
 

Corazón

A permacultura antes de nada é unha visión, unha utopía (“para camiñar”) descrita pola propria palabra, perma-cultura: térmo inventado nos anos ‘70 que significa cultura permanente, sostíbel. O obxectivo último da permacultura é criar sistemas autosuficientes a longo prazo, que sexan ecolóxicamente sostibeis, económicamente viabeis, satisfagan as necesidades e non exploten ou contaminen. Unha pequena gran publicación para iniciarse é Permacultura. Una guía para principiantes, de Graham Burnett. Este ideal tambén se expresa nas éticas, que son explícitas e se resumen en “coidar ás persoas”, “coidar a terra” e “poñer límites á poboación e ó consumo”.

Mente

... pero o mal queda, e mentres se agocha nos sitios secretos do corazón, a utopía é só a sombra dun soño. N. Hawthorne

Xa sabemos que acontece con moitas utopías e por iso a permacultura é ademais unha ciencia práctica, no senso de que busca averiguar cómo funcionan as leis da Natureza (incluso da natureza humana) e imitalas, ou como mínimo non ir contra elas, senón aplicalas para deseñar a sociedade: os ecosistemas nativos en particular son obras mestras de deseño sostíbel. Os australianos Mollison e Holmgren deron o nome e un xeito moi práctico a estes ideais, creando unha linguaxe de deseño que facilitou a súa rápida adopción en todo o mundo. Como ciencia baséase na observación e a experimentación: non hai dogmas, todo ten que ser comprobábel coa experiencia.

Mans

Unha vez comprobado que os principios e as técnicas funcionaban moi ben (axudando a poñer en marcha moitas granxas, organizacións e empresas), os fundadores comezaron a ensinar a outros como crear sistemas sostibeis, publicando varios libros aínda que principalmente mediante a demostración e a vía oral, alentando os seus estudantes a facer o mesmo. No estado español foise tecendo a Rede de PermaCultura Ibérica e, recentemente, ó programa de cursos de deseño presenciais tense engadido un curso de introdución a distancia. Os Círculos de Estudo son un proxecto en construción de libro-e en castelán. A nivel mundial estase creando un Instituto Caórdico de PermaCultura, recompilando perfis de pioneiros e permacultores practicantes para facilitar a colaboración e con acceso a exemplos de proxectos e experimentos.

E patas

A permacultura é tamén un gran movemento dinámico, diverso e extenso. Ademais de encontros mundiais –a próxima Converxencia Internacional será en África en outono–, hai encontros rexionais nos cinco continentes dende 1985. A súa versión máis moderna, concreta e holística exprésase agora no Movemento de Transición, unha rede de iniciativa cidadá xurdida no 2005 dos estudantes dun curso de permacultura, que combina un bo deseño para crear comunidades a proba de crises (climática, económica e enerxética) cun bo deseño para a participación realmente “dende abaixo”, tanto local como global. En tempos incertos reconfórtanos lembrar que “O mellor xeito de predicir o teu futuro... é crealo”.

  Fonte: Diagonal

 


Rede Galega de consumo responsábel