II Xornadas de Consumo Consciente e Responsable

Lugar: Casa Casares Quiroga (r/. Panadeiras, 12)
Organiza:
Cooperativa de Consumo Responsable Zocamiñoca
Colabora:
ATTAC Coruña

Venres 8 de maio (19.30 horas)

  • Vídeo fórum sobre consumo
Sábado 9 de maio (19 horas)    
  • Presentación ATTAC Coruña
  • Cooperativa de consumo responsable Zocamiñoca: a visión dunha socia, a visión dunha produtora
  • Coloquio

O consumo atravesa as nosas vidas, moitas veces sen percatarnos das implicacións que actos repetidos teñen sobre moi diferentes aspectos. As crises enerxética, económica, climática e alimentaria están mostrando que bastantes cousas fallan no actual sistema capitalista e que é necesario pensar e actuar de outra maneira no planeta e entre nós mesmas.

O consumo responsable, crítico, consciente e transformador é unha forma diferente de entender o consumo na que as consumidoras, en relación directa coas produtoras, asumen un papel máis activo e reflexivo no momento de satisfacer as súas necesidades, de maneira que se pon en cuestión o actual modelo de produción, transformación, promoción, distribución e consumo de ben e servizos, para comezar unha transición necesaria e ineludible cara a un consumo máis respetuoso coas persoas e o planeta. Para acadar estes obxectivos é preciso realizar un labor de información, concienciación, organización e acción que articule unha contestación viable e satisfactoria ao actual modelo socioeconómico baseado, entre outros aspectos, nunhas crecentes desigualdades sociais, no expolio dos países do Sur global e nos mecanismos de funcionamento desa forma de capitalismo que é o neoliberalismo. Deste modo, é necesario propoñer unha forma de consumir bens e servizos baixo criterios éticos, solidarios e sustentables, pensando no procomún, a través dun proceso que teña en conta que os recursos son limitados e que existen intereses de concentración de poder perxudiciais para acadar unha sociedade xusta e igualitaria.

As II Xornadas de Consumo Consciente e Responsable pretenden ser un espazo de encontro autónomo e libre, onde poder encontrarnos para falar, reflexionar e coñecer experiencias de consumo alonxadas do modelo consumista convencional. Intentaremos ofrecer unha panorámica global funcionamento do actual modelo de produción, distribución e consumo desde unha perspectiva crítica ademais de achegarnos a unha experiencia concreta de consumo responsable na Coruña, a cooperativa Zocamiñoca, cuxos principios son o consumo local, ecolóxico, de tempada, a soberanía alimentaria, o comercio xusto, etc., cunha organización participativa, amena, fluída e reivindicativa. Tamén contaremos coa presentación do grupo de ATTAC na Coruña, recentemente constituído. Agardamos por vós nas xornadas!!

Cartaz, panfleto e texto das xornadas no seguinte enlace: Documentos de difusión das II Xornadas de Consumo Consciente e Responsable


zocarede

Rede Galega de consumo responsábel