Baterías que morren' aos 18 meses de ser estreadas, impresoras que se bloquean ao chegar a un número determinado de impresións, lámpadas que se funden as mil horas... Por que, a pesar dos avances tecnolóxicos, os produtos de consumo duran cada vez menos?
Rodado en Catalunya, Francia, Alemaña, Estados Unidos e Ghana, Comprar, tirar, comprar, fai un percorrido pola historia dunha práctica empresarial que consiste na redución deliberada da vida dun produto para incrementar o seu consumo porque, como xa publicaba en 1928 unha influente revista de publicidade norteamericana, "un artigo que non se desgasta é unha traxedia para os negocios".
O documental, dirixido por Cosima Dannoritzer e coproducido por Televisión Española, é o resultado de tres anos de investigación, fai uso de imaxes de arquivo pouco coñecidas; achega probas documentais e mostra as desastrosas consecuencias ambientais que se derivan desta práctica. Tamén presenta diversos exemplos do espírito de resistencia que está a crecer entre os consumidores e recolle a análise e a opinión de economistas, deseñadores e intelectuais que propoñen vías alternativas para salvar economía e medio ambiente.