electricidade - Share on Ovi

Os constantes chamamentos sobre a necesidade de aplicar subidas estratosféricas aos prezos da electricidade están a axudarnos a dixerir os incrementos que nos aplican cada semestre. Supostamente, estamos a pagar a luz por baixo do seu valor por culpa do "déficit tarifario", ou das Enerxías Renovabeis. Mas, que hai de certo nisto? Un estudo máis en profundidade dos acontecementos lévanos a conclusións ben distintas, e canto menos preocupantes.

Esta exposición resume a situación que estamos a padecer os cidadáns e empresas consumidores de electricidade. A demostración de todos os feitos pode consultarse nos artigos referenciados ao final.

A Verdade sobre o Mercado Eléctrico

 Nos albores do século XXI, o Goberno que por aquel entón presidía o estado tomou unha medida dirixida a mellorar a competitividade das empresas españolas, a conter a inflación para cumprir cos parámetros esixidos pola incorporación á Moeda Única, e tamén, por que non dicilo, cun claro transfondo electoralista: conxelar as tarifas de venda da electricidade aos consumidores durante anos. Que desafortunada foi esa política!
 

As tarifas de venda reguladas conxeladas, e os custos de xeración e as peaxes de acceso en aumento, superiores mesmo aos prezos de venda, empezaron a xestar unha gran bóla de neve que se foi retroalimentando ano tras ano xerando unha débeda que hoxe coñecemos como "déficit de tarifa", que fomos contraendo os consumidores coas Compañías Eléctricas, e que non deixa de crecer, intereses de demora incluídos.

Antes mesmo de todo isto, publicouse en España a Lei do Sector Eléctrico (Lei 54/1997) atendendo a un proceso de liberalización que viña imposto desde Bruxelas. As Empresas Xeradoras de Electricidade con fontes enerxéticas convencionais (nuclear, hidroeléctrica e carbón) convenceron ao regulador de que os prezos de venda no Mercado Almacenista baixarían imposibilitando a recuperación do capital inicial investido.

O Goberno creou  entón unha partida de custos que se incluíu na tarifa eléctrica de venda co fin de dar estabilidade financeira a estas grandes corporacións e resarcilas das posibles perdas que xerarían as centrais eléctricas construídas antes de 1997. Os Custos de Transición á Competencia (CTC) permitirían amortizar completamente todos os investimentos realizados, establecéndose un pago máximo total de 8.600 Millóns de Euros. Pero lonxe de baixar, os prezos de mercado incrementáronse. Isto levou ao Goberno a cancelar anticipadamente en 2006 esta medida, cun importe total pagado por este concepto próximo aos 12.000 Millóns de Euros, moi por encima do máximo estipulado.

O negocio foi redondo para as Eléctricas, amortizaron aceleradamente todos estes activos, e ademais beneficiáronse dun superávit que incomprensibelmente xamais nos foi restituído aos consumidores.

Mentres todo isto acontecía, o que erroneamente vén sendo denominando "déficit tarifario" seguía crecendo e crecendo. O volume alcanzado é tal, uns 15.000 Millóns de Euros acumulados en 2009, que estas Compañías o utilizaron con forza para presionar ao Goberno de quenda, beneficiándose de "favores" en forma por exemplo de concesións de prórrogas de explotación de centrais hidroeléctricas e nucleares. Estas instalacións intensivas en capital, e que están completamente amortizadas de forma acelerada co importe recadado polos CTC, convertéronse no negocio do século. Os custos de xeración limítanse á súa partida variable imputable, isto é, 3 €/MWh para a electricidade hidráulica, e 18 €/MWh para a nuclear, cando deberían ser de 39 €/MWh e 44 €/MWh respectivamente considerando os seus custos de amortización.

Como poden entón dicirnos que existe un "déficit de tarifa" cando nas nosas facturas da luz pagamos o MWh a máis de 110 €? Claro que soportamos as peaxes de acceso ademais dos custos de xeración, pero, tan elevada é a diferenza? E aquí é realmente onde empeza o festival de beneficios caídos do ceo que obteñen as Compañías Eléctricas amparadas polo nefasto deseño dun Mercado monopolizado oculto baixo o paraugas dunha falsa liberalización.

Para facer máis comprensibel a exposición, comparemos o Mercado Eléctrico co da froita. Un agricultor cultiva patacas en Galiza, e outros mangos en Granada. Ambos envían a súa produción a un mercado almacenista, Mercamadrid por exemplo, onde se poxa o xénero entre os distribuidores, que se encargan de fornecelo ás tendas que o venden polo miúdo para que podamos consumilo os clientes finais. O Mercado Eléctrico funciona dun xeito similar, as Empresas Xeradoras venden a súa produción eléctrica no Mercado Almacenista (denominado "pool") ás Distribuidoras, que fan chegar á súa vez o produto ás Comercializadoras para vendelo ao usuario final.

No entanto, existe unha excepción... Non é o mesmo unha pataca que un mango, pero a electricidade é un produto idéntico independentemente da tecnoloxía que se utilizou para a súa xeración. Para que esta ejemplificación teña lóxica, deberemos considerar que aos consumidores énos indiferente consumir patacas que mangos. De producirse este feito, por lóxica empezariamos por adquirir as patacas que son moito máis baratas, e cubririamos a demanda sobrante con mangos.

Pero... que aconteceria se o prezo de venda de todos os produtos intercambiados en Mercamadrid o establecese o último vendido (o máis caro de entre os máis baratos)? Pois que estariamos a pagar as patacas a prezos de mango, co consecuente achegua de beneficios sobrevindos ao agricultor galego. Isto en principio non ten sentido nun mercado competitivo, pero é precisamente o que sucede actualmente no Mercado Eléctrico.

Os consumidores demandamos electricidade dun sistema que non a acumula (prodúcese en cada momento en función da cantidade demandada). As primeiras tecnoloxías en entrar no "pool" (Mercado Almacenista onde se venden e compran os kWh producidos) son a nuclear e hidroeléctrica, que non se poden parar, e as Renovabeis por Lei. Na maioría dos casos a produción destas centrais non alcanza a cubrir integramente a demanda, e complétase a oferta con electricidade provinte de centrais baseadas noutras tecnoloxías de xeración, priorizando as máis asequibeis. E é o último kWh vendido o que fixa o prezo de venda no Mercado Almacenista para toda a electricidade comercializada. É dicir, a electricidade hidráulica e nuclear, cuxos custos foron reducidos artificialmente cos CTC, está a venderse a prezos da xerada con Gas Natural, moito máis cara, que incorpora ademais no seu escandallo de custos partidas como os Dereitos de Emisión de CO2 das que se benefician as dúas primeiras tecnoloxías non emisoras.

Regresemos novamente a Mercamadrid. Supoñamos agora que as patacas ao por maior realmente custan 30 c€/Kg e os mangos 150 c€/Kg, a distribución de ambos os 20 c€/Kg, ao que habería que engadir outros 10 c€/Kg en concepto de gastos varios.

PVP Total patacas = 30+20+10 = 60 c€/Kg.

PVP Total mangos = 150+20+10 = 180 c€/Kg.

Supoñamos ademais que o Prezo de Venda ao Público destes produtos está regulado e fixado en 160 c€/Kg (130 c€/Kg de custo do produto máis distribución e gastos varios) en lugar dos 180 c€/kWh que deberían custar as froitas tropicais. Posto que o prezo en Mercamadrid fíxao o último produto vendido, é dicir o mango, os produtores granadinos están a perder 20 c€ por cada quilogramo vendido. Pero o galego, que é moi listo, argumenta que posto que a El tamén se lle imputan uns custos de 150 c€/Kg pero vende a 130 c€/Kg, estáselle creando un déficit xerado pola tarifa regulada de 20 c€/Kg, cando a lóxica dinos que en realidade está a gañar 100 c€/Kg.


O regulador no entanto apiadase novamente do pobre galego e acepta que se lle deban eses 20 c€/Kg. Cantas máis patacas vende este agricultor máis gana, ademais de incrementar o importe do que se lle debe. E quen lle debe eses 20 c€ que se xeran con cada quilogramo que vende? Pois a pobre señora pensionista que compra as patacas no supermercado da esquina. Cada vez que Mercamadrid abre as súas portas, esta señora débelle máis diñeiro a un agricultor que non coñece de nada e que vive a 700 Km de distancia. A esta señora o regulador cárgalle ademais os intereses de demora esquecendo que no pasado obrigoulle a pagar do seu propio peto os tractores utilizados para labrar a terra, co agravante que unha falta de previsión xerou un excedente de tesouraría que permitiu ao agricultor comprarse un Mercedes Clase S negro con asentos de coiro.

E agora chega a crise. Toca apertarse o cinto e á señora impoñenlle moitos esforzos incluída a conxelación da súa pensión. Pero o agricultor do norte desentendese completamente, isto da crise non se axusta ao seu raciocinio. Afíxose ao seu nivel de vida, e a base de choros, ameazas e coaccións, transmite ao Goberno de quenda que é a verdadeira vítima do sistema. A señora pensionista ten que soportar ademais a tremenda lousa que supón a débeda que en realidade non contraeu, pero ao descoñecer os mecanismos do mercado, é enganada, non quedándolle outra alternativa que dar credibilidade a esta situación e acatar as súas consecuencias. Mágoa que tampouco saiba que esta débeda artificial que contraeu equivale en termos monetarios ao sacrificio que a situación financeira esixe á sociedade ao completo.

Pero isto non é o único que se lle escapa á pobre señora. Resulta que o agricultor granadino, o galego, todas as empresas distribuidoras que compran o xénero en Mercamadrid e que teñen unha completa frota de camións, e a tenda que vende a froita pertencen a un mesmo Cártel que acapara a cadea de valor ao completo.

Nun determinado momento entra en escena un agricultor de Almería ofertando un produto moito máis saboroso, pero co único inconvinte de ser máis caro. Por suposto o prezo supón un problema, pero este novo actor está a demostrar que ten unha gran capacidade para reducir os seus custos moi rapidamente. Sen a menor dilación, o Gran Xefe do Cártel que controla o mercado con man de ferro ve perigar o seu oligopolio, e éntranlle as présas por recuperar ese "déficit" regulatorio xerado artificialmente, e culpa ao recentemente chegado de todos os seus males, achacándolle mesmo situacións creadas antes da súa irrupción no sector. E o Goberno de quenda, por enésima vez, volve crerse todo o que o Gran Xefe do Cártel lle conta, e decide atacar con todas as súas forzas a este señor de Almería que ameaza con desprazar unha oligarquía montada sobre unhas bases regulatorias cuxa finalidade era a liberalización do mercado.

Trátase tan só dun exemplo. Que non se enfaden os agricultores, nin os galegos cuxa sangue circula polas miñas veas, nin os meus paisanos granadinos. Só pretendín ilustrar e simplificar ao máximo o que actualmente está a suceder no Sector Eléctrico.

Os consumidores de electricidade temos que soportar unha débeda ficticia coas Compañías Eléctricas xerada por defectos no deseño do Mercado, avalala co noso patrimonio (o Estado), e facernos cargo dos seus intereses de demora. O chamado "déficit tarifario", que non é máis que un déficit regulatorio creado artificialmente, ascende a día de hoxe a 15.000 Millóns de Euros, que é precisamente o importe que o Goberno pretende recortar dos gastos co seu Plan de Axuste estes dous próximos anos. Este endebedamento ademais vai seguir crecendo como mínimo até 2013, por un valor estimado noutros 9.500 Millóns de Euros.

E aínda por riba, as Compañías Eléctricas, con todos os seus tractores pagos por nós en exceso, seguen vendendo as patacas a prezo de mangos, obtendo uns enormes beneficios caídos do ceo (Windfall Profits en inglés, beneficios sobrevindos en galego) por valor de máis de 3.500 Millóns de Euros anuais.

Inculcáronnos que "hai que pagar pola electricidade o que realmente costa" e que "as Enerxías Renovables disparan o seu prezo", todo iso para justificar incesantes e escabrosas subidas da luz. Comparto a primeira afirmación, pero unha correcta estimación dos custos de xeración implica necesariamente un redeseño do Mercado Eléctrico, posto que na actualidade a subida de tarifas prexudica enormemente aos consumidores, xera beneficios sobrevindos ás Eléctricas, e non reflicte o auténtico prezo que tería este ben nun mercado competitivo.

En canto ao importe pago en concepto de primas á actividade de xeración en Réxime Especial (Renovabeis agás as grandes Centrais Hidroeléctricas, Coxeneración, e tratamento, redución e utilización de Residuos), non é máis que un incentivo á produción eléctrica independentemente da tecnoloxía utilizada. Pero novamente o erróneo deseño do mercado non traslada os seus efectos ao consumidor final.

A falta de preocupación e un deficiente control do Sector Financeiro desembocaron na penosa situación que estamos a viver. Tarde e mal, xa se están tomando medidas. Pero existe aínda un sector que campa ledamente favorecido pola regulación, ao que non afectan as crises, nin as variacións na demanda do produto que comercializa, e que se mantén á marxe dos esforzos e compromisos que obrigan os Plans de Axuste levados a cabo polos diferentes Estados. Trátase do Sector Eléctrico, consentido até o extremo por todos os Gobernos,  con independencia da súa cor.

Está a producirse unha transferencia de renda encuberta dos consumidores ás grandes Compañías Eléctricas por valor de decenas de miles de millóns de Euros. Isto nunca debeu de ser así, e non pode prolongarse por máis tempo. Quedou sobradamente demostrado que "correr un tupido veo" non desemboca en nada bo.

Non cometamos os mesmos erros, non tropecemos novamente coa mesma pedra.
 
Copyright 2006 - 2010 Jumanji Solar

Orixinal e artigos de referencia en --> juanmisolar.com


zocarede