pesticidas - Share on Ovi

Cando falamos por aí dos servizos que a natureza presta gratuitamente aos humanos somos, polo xeral, ben entendidos. A xente admite que os bosques frean a erosión, as bacterias e plantas liberan o osíxeno que respiramos, os microorganismos fan fértil o chan, os insectos polinizan as colleitas, etc. Hai un punto, no entanto, que a miúdo suscita controversia: o de que a natureza controla, ou limita, as pragas das colleitas. Máis dunha persoa interpeloume: "Delibes, aí equivócase; a natureza causa as pragas, e non ao revés; se o saberei eu, que non dou abasto envenenando pulgones".
Ocorre que talvez sen eses velenos e outros anteriores as pragas de pulgones non existirían. Está máis que demostrado que o uso de insecticidas de amplo espectro é responsábel de gran parte das pragas actuais.

É sinxelo de explicar: os insectos fitófagos levan millóns de anos detoxificando os velenos defensivos das plantas, así que están preparados evolutivamente para tornarse resistentes, pondo a punto antídotos contra os nosos pesticidas. Os insectos depredadores (e aves, e arañas...), en cambio, non teñen esa capacidade, e ao envenenalos desaparecen. Moi a miúdo, cando combatemos unha praga eliminamos tamén, sen sabelo, depredadores que están a evitar a aparición de pragas novas. De acordo co National Research Council de Estados Unidos, 24 das 25 pragas máis devastadoras en California no último cuarto do século XX foran xeradas pola industria dos pesticidas.

A dependencia dos velenos químicos resulta particularmente desasosegante. Cada ano necesitamos usar máis para poder comer e, con todo, o número e a importancia das pragas non diminúen. Ademais, ao custo ecolóxico debe sumarse un considerable custo social e sanitario, derivado de imprudencias, accidentes, descoidos, etc, ou simplemente da acumulación de velenos na auga ou os alimentos. O prezo indirecto a pagar polo mal uso, accidental ou non, das pesticidas sintéticos non adoita cuantificarse. E cando se fai, ocasionalmente, resulta aínda peor. Coñecen a historia: o escape en 1984 de gas letal dunha fábrica de pesticidas en Bhopal, India, que deixou polo menos 15.000 mortos e outros cen mil afectados, foi xulgado; a pena imposta á empresa non chegou aos 9.000 euros (quizais o mesmo día, a un adestrador de fútbol español multáronlle con 15.000 euros por acusar a un árbitro de faltar á verdade). As vítimas de Bhopal ben poden pensar, con Ciro Alegría, que "o mundo é ancho e alleo".

Artigo de Miguel Delibes de Castro


zocarede