A Xunta de Galicia desenvolve desde hai anos programas que, con maior ou menor éxito, tentan loitar contra o éxodo da mocidade rural cara as cidades. Os que volven non só teñen que loitar contra a incomprensión de familiares e veciños, senón que afrontan importantes dificultades económicas. Así o explica Carlos Pereiro (Santiso, 1982), cuxa explotación de engorde de porcos en Santiso resume, nas súas contradicións, a historia de moitos gandeiros mozos.

{youtubejw width="455" height="294"}0SxqC5z69wg{/youtubejw}

Logo dunha estadía de tres anos en Santiago de Compostela estudando Administración e Dirección de Empresas, Pereiro convenceuse de que o seu futuro pasaba por integrarse na explotación que o seu pai e a súa nai levantaran a mediados dos anos setenta. “A principal dificultade para iniciar esta actividade foi a oposición da familia, que non querían que pasase polo mesmo ca eles. Realmente hai que ter ánimo para volver ao rural. Non se entende que alguén que marchou a estudar queira volver traballar a terra”.

O soño ecolóxico terá que esperar

Santiso é un pequeno concello da Terra de Melide. De feito, Chorén, o lugar onde se sitúa a explotación e o fogar de Pereiro, está a escasos cinco quilómetros da cabeceira da comarca. “Estamos no centro de Galicia, na provincia da Coruña pero a un quilómetro escaso das provincias de Lugo e Pontevedra e a corenta minutos de Ourense”. Nunha paisaxe que condensa algunhas características propias do país (río troiteiro contaminado en parte pola depuradora de Melide), Pereiro láiase de que, pese ao esforzo desenvolvido desde que en 2003 se fixo cargo da explotación, non lle foi posíbel levar a cabo o seu obxectivo. “O meu proxecto consiste en desenvolver unha actividade en harmonía coa natureza. A miña idea era dedicarme á horta ecolóxica, pero non se deron as condicións”.

Pereiro afirma que falta pulo por parte da Administración. “Cando me informei das axudas das que podía dispoñer para transformar a explotación dos meus pais, que xa conta con máis de trinta anos de antigüidade, nunha ecolóxica, puxéronme moitas trabas”, afirma. Na oficina agraria comarcal de Melide animárono a continuar con métodos industriais, argumentando a dificultade para a comercialización da produción ecolóxica. Pereiro non está de acordo, e opina que se deberían aproveitar axudas do Goberno central e, sobre todo, da UE.

Modernización pouco a pouco

Mentres tanto traballa asociado a unha compañía maior no engorde de porcos. “Aínda que tento limitar ao máximo a alimentación ou os métodos cos que non estou de acordo, non podo evitalos totalmente. O maior problema que vexo hoxe en día é a utilización de cereais modificados xeneticamente, sobre os que non existen suficientes garantías”.

A crise de finais de 2007, cando a suba do prezo do petróleo golpeou  a produción agraria industrial, afectoulle, pero non o obrigou a pechar. “Tiven que cambiar o modelo da granxa, e agora gano menos pero tamén asumo menos riscos. Con todo, de media dáme para ganar un soldo de mileurista”, afirma.

A experiencia na universidade, pese a non rematar a carreira, serviulle “para non ter medo a negociar cos bancos e manexar cantidades como 50.000 ou 90.000 euros, que non son moi grandes pero poden impoñer respecto a persoas que non están acostumadas”. Precisan maior formación os gandeiros galegos? Pereiro opina que non, dado que “hoxe os procesos de formación son demasiado técnicos. Así e todo, bótase en falta unha actitude máis aberta dos gandeiros xa estabelecidos a deixarse asesorar polos técnicos e a cooperar entre eles ou con novos produtores”.


Problemas para atopar centeo e trigo do país
A evolución económica dos últimos anos puxeron de manifesto, en sucesivos conflitos, os agudos problemas que atravesan a maioría dos sectores agrícolas e gandeiros. Unha das causas é a dificultade para acceder a terras e a cultivos que noutrora foron tradicionais. A produción industrial e baixos prezos dos pensos foráneos durante moitos anos contribuíron ao abandono de superficie agraria. Pereiro conta con doce hectáreas de terreo en propiedade, unha extensión considerábel que, con todo, non lle sería suficiente para manter os miles de porcos que xestiona actualmente. Só mantén dous exemplares criados ao xeito ecolóxico para consumo propio.
 
As pequenas e medianas explotacións gandeiras constitúen unha das bases sobre as que debe asentar un futuro repoboamento do rural. Para que sexan viábeis, unha das claves “é a diversificación da produción. Unha mesma explotación debería ter gado de carne, de leite, horta, bosque...”, conclúe o mozo.
 
Via --> A Nosa Terra


zocarede