cartazsondaldea2017

No Son d’aldea 2017 viaxaredes no tempo, devagar, imaxes, lugares, persoas, ecoará a voz, o son dos anos corenta e cincuenta do século pasado.

Mergullarédesvos nun remuíño de sensacións agudas e certas, perdéndovos polos escenarios que xa estamos a ensaiar, a través dos que traeremos o recordo moito do que nos falta no mundo de hoxe. Escenarios construídos con agarimo e sensibilidade, con dedicación, esforzo e tempo, con risas, ánimo e nervios. Veciños de Albá e Santo Xusto, persoas chegadas de Arzúa, Compostela, Borneiro, Laxe, Taboada, Chantada…, todos eles recrean este mundo único, íntimo, o mundo da aldea, un día enteiro de vivencia aldeá, de amor polo que somos.

A vosa contribución económica propicia a recuperación e posta en valor de espazos, lendas, historias verdadeiras que aconteceron, vocabulario esquecido, cancións, contos, espíritos que vagan polos camiños…. A vosa contribución económica favorece a interacción e o contacto entre as persoas destas aldeas, aldeas de Galiza, o coñecemento dos costumes, das crenzas, da verdadeira historia e vida dos heroes e heroínas anónimos polas que a miúdo foron desairados, e ata desprezados e tidos en menos. Hoxe, mercé a vós, terán estima e aplauso. Hoxe darémoslles as grazas, e mirarémolos con aprecio.

O que ides ver e percibir é froito de máis de cen persoas ao longo de varios meses de reunións e ensaios, é froito dun inxente esforzo e tempo consciente dedicado. Máis de cen persoas, coordinadas, aportando o que cada unha pode e como mellor sabe, todas con enorme ilusión.

Programa e máis información :

http://sondaldea.galiciasustentable.org/programa-2017/

 



Rede Galega de consumo responsábel